DÉCIMO XUNIO BRUTO "GALAICO"

 

    Décimo Xunio Bruto é o principal personaxe histórico que aparece na novela “A  viaxe  do  castrexo”. A súa importancia na historia de Galicia é innegable, xa que encabezou a primeira expedición romana que chegou ata as fronteiras do noso territorio no ano 137 a. C. Tal relevancia tiveron os seus logros na capital do imperio que por mor desta campaña Bruto se gañou o nada desdeñable sobrenome de “Galaico”.

 

 Busto de Bruto - https://valenciaplaza.com 

    Naceu no ano 181 a. C. nunha familia de tradición política, que anteriormente xa achegara á República varios maxistrados. O seu pai, o cónsul Marco Xunio Bruto, dirixiu a guerra contra os istrios aos que someteu definitivamente no 177 a. C. Así pois, o mozo Décimo Xunio Bruto desenvolveuse nunha contorna ilustrada con gusto pola cultura e o helenismo. Na súa infancia recibiu unha educación exquisita sendo incluso mecenas do poeta Lucio Attio, moi recoñecido naqueles tempos. Segundo gañaba experiencia foi ocupando diferentes cargos públicos ata chegar á pretura no 141 a. C. Nesta posición tivo a pericia de organizar uns Xogos Apolinares sumamente ostentosos que foron moi soados naquel momento, logrando alcanzar un posto no consulado tres anos máis tarde. Como cónsul destacou polas súas políticas austeras coas clases sociais máis baixas, o que lle levou a enfrontarse unha e outra vez aos tribunos da plebe. Negouse a repartir gran ao pobo ou a eximir a certas persoas dos seus deberes militares, ata o punto que as súas disputas fixeron que acabase en prisión durante un tempo por orde de Caio Curiacio, un dos seus inimigos no Senado.

 

Bruto en Hispania:


    Poucos meses máis tarde foi nomeado procónsul da puxante provincia da Hispania Ulterior, a onde chegou xusto tras a morte de Viriato, un dos guerreiros que máis dor de cabeza provocara nas tropas conquistadoras (as súas andanzas pódense atopar noutro artigo deste blog). Nada máis poñer os pés nestes novos territorios, Xunio Bruto dedicouse a eliminar focos da resistencia lusitana, descritos polos seus cronistas coetáneos como "bandas de ladróns". Tras os éxitos conseguidos fundou a cidade de Valentia Edetanorum (actual Valencia), á beira do río  Turia, para premiar con terras ás súas tropas pola coraxe amosada nestas escaramuzas. Despois dirixiuse cara a Olissipo (Lisboa), no outro extremo da península, localidade que fortificou para convertela no centro das súas operacións contra as tribos non conquistadas durante os próximos dous anos.

 

 Monumento en Ponte de Lima (Portugal) - https://www.adiantegalicia.es

    Esta rexión, tan pouco coñecida para os romanos, resultou ser o lugar ideal para os intereses do noso protagonista, ansioso de prestixio e gloria, para tirar proveito dos botíns cos que financiar a súa carreira política. Desde a desembocadura do río Texo, Bruto emprendeu o camiño cara ao norte ao mando das súas lexións. Ao principio atoparon pouca resistencia por parte duns nativos que xa sabían como as gastaban os romanos. Pero este confortable escenario cambiou ao chegaren á beira do Douro, onde se terían que enfrontar aos feroces  brácaros, que segundo Apiano "batíanse xunto coas súas mulleres ata o último alento, preferindo incluso o suicidio antes que caer en mans dos seus inimigos". As fontes clásicas, polo xeral esaxeradas para dotar dunha maior celebridade aos conquistadores, fálannos dunha gran batalla na que cincuenta mil bárbaros perderon a vida e varios miles máis foron tomados como prisioneiros polos invasores. Tras desta gran vitoria Bruto decidiu continuar avanzando cara ao norte en busca dos territorios míticos dos que falaban as lendas, esaxeradamente ricos en ouro e estaño.

 

Chegada a Galicia:


    Corría o ano 137 a. C. cando tivo lugar a expedición romana contra a terra dos galaicos, denominada Gallaecia polos conquistadores para partir do nome dunha das súas tribos, os  Callaeci de Cales (nas inmediacións do Porto). Con todo, no canto dos prezados minerais, as tropas invasoras atoparon unha rexión húmida, boscosa e repleta de accidentes xeográficos. Ademais, estaba poboada por violentos salvaxes que non dubidaban en lanzarlles ataques sorpresa, para acto seguido repregarse e desaparecer de novo entre a boscaxe. Aínda que Bruto tratou de esquivar estes envites avanzando preto da costa, as súas hostes tivéronse que enfrontar a outro inimigo tan poderoso como a resistencia castrexa: o imaxinario de mitos e fantasías que os romanos tiñan sobre os perigos do fin do mundo cara ao que pensaban que se dirixían. O episodio ocorrido xunto ao río Limia, narrado por Tito  Livio, ilustra perfectamente esta situación. Alí, os lexionarios negáronse a seguir avanzando, xa que pensaban que se atopaban na beira do mítico e infernal río do Esquecemento, e que ao se introduciren nas súas augas perderían a memoria. Tivo que ser o propio Bruto quen, tras coller o estandarte da lexión, cruzase o leito en primeiro lugar para chamar aos soldados uno a un polo seu nome e deste xeito convencelos en proseguir a campaña.

 

Recreación de Bruto atravesando o río Limia - https://www.lavozdegalicia.es   

    Unha vez superado o Limia, continuaron o seu avance ata a desembocadura do río Miño, o punto máis setentrional que foron quen de alcanzar e onde os conquistadores volverían atoparse cos seus medos máis profundos. Parece ser que foron testemuñas dunha espectacular posta de sol no bravo océano, o que os romanos interpretaron como a indignación dos deuses pola súa ousadía de se internaren nunha zona soamente reservada únicamente para almas descarnadas. Por se isto non abondase, as implacables forzas locais non cesaban de lanzarlles vehementes arremetidas, unido ao contraataque das tribos brácaras na retagarda que ameazaban con cortarlles as liñas de subministracións. Ante tantas adversidades, Bruto non tivo outra que abandonar a súa ambiciosa empresa e poñer rumbo cara ás máis acolledoras terras do sur.

 

Regreso triunfal a Roma:


    Décimo Xunio Bruto regresou a Roma un ano máis tarde, onde  lle recoñeceron o triunfo co título honorífico de "Callaicus" ou "Galaico", que celebrou sen medida construíndo un templo en honra de Marte, deus da guerra. Pouco despois casaría coa nobre Claudia Pulcra e xuntos terían tres fillos, un deles pai de Bruto Albino, o que posteriormente sería o asasino de Xulio César. Nomeado senador, o noso personaxe continuaría co seu vello costume de discutir cos  tribunos da plebe desde o seu escano ata o fin dos seus días, cando contaba con ao redor de sesenta anos.


    Como lembranza de todo isto, quédanos o paso das lexións polo río Limia, feito que máis de dous milenios despois se rememora cunha divertida recreación histórica en diferentes localidades portuguesas ou galegas: a "Festa  do  Esquecemento".

 

Festa do esquecemento na comarca de Xinzo: os soldados seguen a Bruto - https://www.farodevigo.es
 


Comentarios