UNHA DE ROMANOS: AS GUERRAS PÚNICAS

 

    Xa vai faltando cada vez menos para a publicación da novela "A viaxe do castrexo", que segundo me comentan desde a editorial Galaxia terá lugar antes do verán 2023. Á espera de que chegue este momento imos repasar as guerras púnicas, un dos conflitos máis apaixonantes da historia antiga, entre dúas poderosas potencias do pasado que se disputaron, nin máis nin menos, que o control do mar Mediterráneo.

 

https://viajerodelahistoria.com

Antecentes:

    Cartago, fundada no século IX a.C. no actual Golfo de Tunes, fora sometendo paulatinamente ás tribos libias e ás antigas colonias fenicias ata converterse na cidade máis rica e puxante da rexión. O carácter emprendedor e a pericia nos negocios dos seus habitantes fixo que se expandisen fundando diversas colonias no sur da península Ibérica, illas Baleares, Malta, Córsega, Sardeña, Sicilia... Ademais, eran frecuentes as expedicións comerciais que percorrían o norte de África ata chegaren a Exipto e Arabia.

 
    No ano 260 a.C. a localidade, rodeada por 37 km. de murallas, atopábase no seu máximo apoxeo. Contaba con numerosos palacios, atractivas áreas residenciais, templos, mercados, teatros...,  ademais dos seus dous portos artificiais rodeados por brillantes columnas, alzadas en semicírculos, como símbolos máis identificativos da cidade. O primeiro albergaba a frota mercantil máis potente da época mentres que o segúndo servía de refuxio a máis de 220 barcos de guerra. O problema residía en que estas insaciables ansias expansionistas estaban a piques de chocar contra os intereses doutra puxante cidade a beira do río Tíber, na península Itálica. Refírome, como non, a Roma.

 

O icónico porto de Cartago - https://mihistoriauniversal.com

Primeira guerra púnica (264-241 a.C.):

    Foi na illa de Sicilia onde se desataron os acontecementos. O Senado romano decide responder afirmativamente a unha solicitude de axuda dos mamertinos de Mesina, que estaba a ser acosada polas tropas cartaxinesas. Tras este apoio, ámbalas cidades decláranse a guerra no ano 264 a.C. Nun principio, as forzas de Cartago partían cunha considerable vantaxe, xa que daquela o exército romano aínda non estaba preparado para o combate marítimo. Conscientes da súa debilidade, dedicáronse a construír a fume de carozo 330 barcos, equipados cunha enxeñosa pasarela móbil chamada “corvus”, que servía para inmobilizar á nave inimiga mediante ganchos.

 

O corvus foi empregado polos romanos por primeira vez na batalla de Milas (260 a.C.) - https://arrecaballo.es
 
    Deste xeito, lograron contra prognóstico equilibrar as forzas e poñer en dificultades aos seus experimentados opoñentes. Con todo, estes contaban cun xeneral curtido en batallas navais, Amílcar Barca (275-228 A.C.), que se dedicou a atacar por sorpresa aos postos de avanzada romanos na costa italiana, para romper así as súas liñas de subministracións. Tras a vitoria en Drepana no ano 249 a.C. todo parecía indicar que Cartago ía gañar a guerra. Pero a corrupción e a incompetencia do goberno fixo que se negasen unha e outra vez a enviar a Amílcar e os seus mercenarios o apoio e os fondos necesarios para rematar a campaña, polo que tras unha serie de derrotas no ano 241 a.C. o exército cartaxinés viuse obrigado a se retirar por falta de man de obra e subministracións. Nos anos sucesivos Roma fíxose con Sicilia, Córsega e Sardeña, chegando a cercar a Cartago, aínda que as hostes de Amílcar lograron levantar o asedio.

 

https://arrecaballo.es

Segunda guerra púnica (219 - 202 a.C.):

    Tras a morte en batalla de Amílcar Barca no ano 228 a.C. ocupa o seu lugar Asdrúbal, o Belo, (270-221 a.C.), moito máis partidario da diplomacia que o seu belicoso antecesor. Dous anos despois asínase o tratado do Ebro, no que ámbalas dúas potencias repártense Iberia, Roma ao norte e Cartago ao sur do río, comprometéndose a non cruzar a fronteira. Con todo, Asdrúbal sería asasinado por un servente e o mando pasou a Aníbal Barca (247-183 a.C., fillo de Amílcar) que se lanzou á conquista da península chegando ata Salamanca.

 
    No ano 218 a.C. as tropas cartaxinesas toman Saguntum, que malia estar situada ao sur do Ebro era aliada de Roma. Este feito resultou ser a escusa perfecta que o Senado romano estaba buscando para romper o tratado e declarar a guerra. Ao recibir a información de que os seus opoñentes estaban preparando un ataque, Aníbal decidiu anticiparse e reuniu a un poderoso exército á fronte do cal cruzou os Pirineos e mailos Alpes en dirección a Roma. Os cartaxineses gañaron todos os combates e conquistaron o norte de Italia. Consciente da súa inferioridade, o xeneral romano Quinto Fabio Máximo decidiu concentrarse en cortar as subministracións dos seus rivais no canto de enfrontarse a eles directamente. A táctica podería funcionar, pero as lexións estaban impacientes por loitar e, ademais,  Aníbal encargouse de difundir o rumor de que o xeneral actuaba a soldo dos cartaxineses. Con Fabio relevado do seu posto, as tropas romanas atacaron aos invasores na rexión da Apulia, onde Aníbal logrou a súa maior vitoria, acabando con 40.000 soldados inimigos.

 

O exército de Aníbal contaba cun número indeterminado de elefantes - https://mihistoriauniversal.com
 
    Cando todo parecía perdido, Roma leva a cabo un intento desesperado enviando tropas á península Ibérica para trasladar a guerra a territorio púnico. Tras a morte de seu pai e o seu tío, o xove Publio Cornelio Escipión (236-183 a.C.) asume o mando no ano 210 a.C. conseguindo conquistar os tres principais bastións cartaxineses na península Ibérica: Cartagonova (Cartaxena), Cástulo (Linares) e Gades (Cádiz). 

 
    Seis anos despois, noutro alarde de audacia, as tropas romanas invaden o norte de África e marchan cara á cidade de Cartago. A capital reclama o regreso de Aníbal, que se ve obrigado a renunciar a todo o territorio logrado na península Itálica. Ademais, Escipión, recoñecido admirador do seu rival, encargouse de estudalo  a fondo e coñecía á perfección os seus métodos de combate. No ano 202 a.C. o exército romano derrota con claridade ás forzas cartaxinesas na batalla de Zama, que se ven obrigadas a renderse. Tras esta vitoria, Escipión permitiu a Cartago conservar as súas colonias en África pero tivo que entregar a súa armada e pagar 200 talentos ao ano durante 50 anos. Ademais, prohibíuselles facer a guerra sen autorización. Desta forma, Roma reduciu aos seus adversarios á mínima expresión, facéndose co control de todas as súas redes comerciais e de minería para alcanzar así a hexemonía do Mediterráneo.


Terceira guerra púnica (149-146 a.C.):

    Cartago continuará pagando a débeda durante cincuenta anos e, ao acabar, considerou que o seu tratado con Roma concluíra. Atacaron sen aprobación á veciña Numidia, feito que o Senado romano considerou unha ameaza. O exército romano, baixo o mando de Escipión Emiliano (185-129 a.C.), cercou á cidade de Cartago durante tres anos, ata poder entrar nela e arrasala por completo. Contan as crónicas que do millón de habitantes cartaxineses sobreviviron tan só 50.000, que foron vendidos como escravos. A capital púnica quedou en ruínas mentres que Roma e Numidia se repartiron o territorio conquistado. Acababan así as guerras púnicas, con Roma sentando as bases do imperio que durante séculos dominaría o mundo coñecido.

 

Asedio de Cartago polos romanos - https://arrecaballo.es

    O personaxe coñecido como "Avó" na novela "A viaxe do castrexo", un vagabundo pescador de orixe cartaxinés que rolda polos arredores do poboado, pretende dalgunha maneira homenaxear a eses grandes xenerais como Amílcar, Aníbal ou Escipión, líderes dalgunhas das xestas máis lendarias da antigüidade.


Comentarios

  1. Grazas Alexandre por este excelente resumo das Guerras Púnicas.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario