Tal e como explicamos nunha entrada anterior deste blog: "A conquista de Hispania, nin rápido nin doado ", os romanos precisaron de dous séculos ata que foron quen de dominar a península Ibérica na súa totalidade. Durante todo este tempo víronse obrigados a loitar con inimigos terriblemente complicados, que protagonizaron algúns feitos heroicos moi coñecidos a día de hoxe, como a resistencia numantina ou a batalla do monte Medulio. Pero se alguén estivo realmente a piques de botar a perder os plans dos conquistadores, non foi outro que o emblemático guerreiro Viriato, considerado por moitos como "o azoute dos romanos".
O noso persoeiro chegou ao mundo entre os anos 190 e 170 a. C. nalgún lugar da Lusitania meridional. Existen moitas teorías sobre o sitio exacto do seu nacemento, que se disputan rexións tan dispares como a Serra da Estrela (norte de Portugal) ou o val do Guadiana. Algúns expertos mesmo suxiren que Viriato nin sequera foi o seu nome verdadeiro, senón un alcume derivado do termo ibero "viria", que significaría algo así como "o portador do brazalete". As fontes romanas fálannos de que antes de levantarse contra eles dedicábase ao pastoreo.
Pero como puido ser quen un simple pastor de derrotar unha e outra vez ao exército máis poderoso da época?
O personaxe de Viriato non se pode entender sen o bochornoso suceso coñecido como "a matanza de Galba", ocorrido no 151 a. C. Naqueles tempos era habitual que grupos de lusitanos provenientes de zonas con menos recursos penetrasen na conca do Guadalquivir, por aquel entón controlada polos romanos, para saquear uns territorios moito máis ricos. Farto destas revoltas, o daquela gobernador da provincia de Hispania Ulterior, Servio Sulpicio Galba, decidiu poñerlles fin da maneira máis ruín. Co reclamo de proporcionarlles terras fértiles onde vivir en paz, atraeu a milleiros de nativos aos seus campamentos. Unha vez que estes entregaron as armas en sinal de amizade, foron brutalmente aniquilados. Segundo conta Apiano, "poucos deles conseguiron escapar, entre os que se atopaba Viriato, que non moito despois foi o caudillo dos lusitanos e aniquilou a moitos romanos e deu mostras de grandes fazañas".
Está frase é só un exemplo do profundo respecto que amosaban os cronistas romanos cando se refiren a Viriato, o que nos dá unha idea da gran dimensión do personaxe. Todos os autores clásicos coinciden en encomiar o seu sentido da xustiza á hora de repartir o botín. O seu gran mérito foi levar a cabo á perfección a guerra de guerrillas. Atacaba por sorpresa a caravanas de recursos ou a guarnicións illadas, evitando sempre a confrontación en campo aberto sabendo que nun combate convencional contra o poderoso exército invasor levaba todas as de perder. Deste xeito acumulou numerosas vitorias contra os distintos xenerais romanos aos que se enfrontou.
Corría o ano 147 a. C. cando o exército do pretor Caio Vetilio conseguiu rodear a miles de lusitanos nunha das súas incursións por Turdetania (entre o Algarve e Serra Morena). Os romanos ofrecéronlles unha proposta de paz, pero Viriato aprendera a lección e non se fiaba deles, así que decidiu contraatacar. Utilizando a súa enorme pericia logrou darlle a volta á situación e acabar coa vida de milleiros de soldados, incluíndo a do propio pretor. Ao coñeceren a noticia, un gran número de homes procedentes de todas partes (lusitanos, iberos, celtas...) decidiron unirse á súa causa. Sería o xeneral Gaio Plaucio o encargado de enfrontarse á resistencia. Os rebeldes utilizaron a táctica de finxir unha retirada para atraer aos seus rivais cara a unha trampa e masacrar desta forma a catro mil lexionarios.
Con triunfos coma este, o prestixio de Viriato non paraba de medrar.
O seguinte cónsul enviado por Roma foi Fabio Máximo, que non se deixou enganar polas estrataxemas do seu habilidoso adversario e logrou, esta vez si, derrotar aos lusitanos. Con todo, estes retiráronse a un lugar chamado monte de Venus para recompoñerse e continuar humillando posteriormente aos sucesivo xenerais. É de salientar a vitoria fronte a Quinto Fabio Máximo Serviliano, que no ano 142 a. C. chegou á península Ibérica á fronte dun exército formado por dez mil homes, máis trescentos xinetes e unha decena de elefantes. Tras varios enfrontamentos con numerosas baixas en ámbolos bandos, Viriato sorprendeu aos romanos mentres estaban ocupados cavando un foxo ao redor dun poboado lusitano. Despois do primeiro golpe, perseguiu ao resto das tropas ata acurralalas xunto a un precipicio, onde chegarían a un novo acordo de paz.
O noso heroe achegábase a un logro inimaxinable: a creación dunha provincia lusitana recoñecida por Roma.
Malia que este tratado chegou a ser aprobado mesmo polo Senado, as ansias da República por dominar os novos territorios provocaron que apenas un ano máis tarde os conquistadores rompesen o acordo. O novo cónsul, Quinto Servilio Cepión, pronto comprendeu que lle sería imposible acabar co seu inimigo seguindo os medios convencionais, polo que chegou a un acordo con tres aliados de Viriato (Audax, Minuro e Ditalco) para que o asasinasen a cambio de diñeiro e terras. Parece ser que os traidores entraron no refuxio do caudillo lusitano para apuñalalo no pescozo mentres durmía, xa que este era moi desconfiado e repousaba sempre coa armadura posta. Unha vez cumprido o seu labor regresaron ao campamento romano para cobrar a súa recompensa e foi entón cando Cepión os recibiu coa famosa frase de "Roma non paga a traidores". Sinalar que estas palabras non aparecen mencionadas en ningunha das fontes clásicas, senón que foron engadidas pola historiografía posterior. Era o ano 139 a. C. e, tras medirse a media ducia de xenerais, Viriato, o azoute dos romanos, falecera vítima dunha miserable traizón.
| A morte de Viriato - https://historia.nationalgeographic.com.es |
A morte do seu líder supuxo un duro golpe para a rebelión lusitana. O sucesor ao mando foi un guerreiro chamado Táutalo (ou Tántalo), quen capitaneou aos seus nunha única expedición contra a cidade de Saguntum (actual Sagunto). O ataque foi rexeitado e no seu regreso os disidentes atoparon o exército de Cepión, que os estaba esperando no val do Guadalquivir. Alí, ao fin, rendéronse os bravos guerreiros, aceptando terras fértiles a cambio de entregar as armas. A pesar de todo, nos anos posteriores continuaron xurdindo focos de resistencia e a pacificación total non se acadou ata máis dun século máis tarde, en tempos de Augusto.
A novela "A viaxe do castrexo" está situada no 137 a. C., é dicir, dous anos despois da morte de Viriato. Será por medio do valente Tulo, un dos personaxes principais e man dereita do heroe lusitano nos tempos da resistencia, como coñeceremos as andanzas do guerreiro que tan merecidamente se gañou o alcume de "azoute dos romanos".
Comentarios
Publicar un comentario