Como comentamos anteriormente nun artigo deste blog, a conquista de Hispania foi un proceso tremendamente dificultoso que se prolongou durante 200 anos, desde o desembarco das lexións no 218 a.C., ata o remate das campañas de Augusto no 19 a.C. E un dos derradeiros capítulos máis épicos foi a batalla do monte Medulio, que tivo lugar no ano 22 a.C. no contexto das chamadas guerras cántabras.
| https://www.galiciaunica.es |
Contexto histórico:
Ata sete lexións, ademais de varios destacamentos de cabalería e tropas auxiliares, desprazáronse ao noroeste peninsular no ano 26 a.C. para acometer a empresa de someter aos últimos pobos que se revelaban contra o dominio romano. Con todo, as tribos nativas puideron resistir dificultando o avance dos invasores mediante escaramuzas por sorpresa, para despois fuxir rapidamente e agacharse entre a boscaxe. Deste xeito, o conflito comezou a dilatarse no tempo sen que os conquistadores fosen quen de lograr vitorias efectivas. Segundo nos narra unha vez máis Estrabón, parece ser que foi unha praga de ratos dando conta das provisións de gran o que puxo en perigo o abastecemento do exército lexionario, precipitando así os acontecementos. Novas tropas foron enviadas por mar desde a Galia e os romanos, agora si, empezaron a acumular triunfos en lugares que a día de hoxe non están identificados con exactitude: Bergida, Attica, o monte Vindio...
| https://www.muyhistoria.es |
A mítica batalla:
Nun destes cruentos enfrontamentos, milleiros de nativos fixéronse fortes no monte Medulio, unha elevación próxima ao mar onde a vexetación era tan mesta que apenas se filtraba a luz do sol. Os romanos, sabedores da ferocidade dos seus rivais, optaron por cavar un foso de vinte quilómetros, rodeando o monte, para deste xeito deixalos sen provisións. Os resistentes galaicos cargaron unha e outra vez contra os sitiadores causando milleiros de baixas, pero non conseguiron romper as defensas romanas. Co paso do tempo, as provisións esgotábanse e os galaicos atopábanse cada vez máis debilitados polo illamento. Finalmente, foron os lexionarios os que atacaron avanzando por todas as frontes á vez. Conscientes do seu destino, os guerreiros locais empregaron os últimos víveres para celebrar un último banquete no que non faltaron cánticos e bailes. Despois suicidáronse en masa, utilizando para iso o lume, a espada, ou o veleno extraído dos teixos. Cando as lexións chegaron ao máis profundo do arboredo, atopáronse cun macabro decorado repleto de cadáveres e non puideron facer prisioneiro ningún. Desta forma, os afoutos aborixes optaron por unha morte digna en lugar dunha denigrante vida en cativerio. Este heroico episodio simboliza o final do mundo castrexo xa que apenas tres anos máis tarde, no 19 a.C., César Augusto deu definitivamente por rematada a conquista de Hispania instaurando unha nova orde, a “pax romana”.
Localización:
Durante séculos vénse discutindo sobre a localización do monte Medulio. Resulta curioso que moitos historiadores propoñan diferentes emprazamentos en Cantabria ou en Asturias, algo que na miña opinión é máis que discutible. Se acudimos ás fontes clásicas, os feitos foron recollidos por Tito Livio, cronista romano contemporáneo á batalla, pero da súa obra non se conserva ningún exemplar. A historia chegou aos nosos días por medio dos relatos de Floro e Osorio, dous historiadores posteriores que citan a Tito Livio como a súa fonte. Deles, tan só Osorio (nacido en Braga no século IV) proporciona pistas sobre o lugar do enfrontamento:
"Os legados Antistio e Firmio someteron, despois de longos e duros combates, as rexións máis extremas de Gallaecia, que infestadas de montes e de selvas intérnanse no Océano. Pois tiveron que poñer cerco ao monte Medulio, que se levanta proxectándose sobre o Minio, no cal se refuxiaron unha gran multitude de homes".
Así pois, parece evidente que o escenario do último grande enfrontamento entre castrexos e romanos hai que buscalo en zonas próximas á costa da antiga Gallaecia. O historiador alemán Adolf Schulten (1870 - 1960) sitúa os feitos no monte Trega, aínda que non habería que descartar outras posibles localizacións.
![]() |
| Ruinas do castro do monte Tegra - Foto: Alexandre Plaza |
O que é innegable é que a determinación daqueles antigos galaicos encaixa á perfección co lema que Castelao engadiu ao escudo que propuxo para Galicia: "denantes mortos que escravos".

Gustoume este artigo. Moi ben o enfoque, e máis tendo en conta a case nula documentación histórica. E moi axeitado o final.
ResponderEliminar