É de todos sabida a grande importancia que os galegos lle concedemos á comida, ata o punto de se ter convertido nun dos sinais de identidade máis salientables na nosa cultura. Tanto autóctonos como visitantes apreciamos a riqueza e o sabor da gastronomía tradicional, baseada en produtos tan variados como o peixe, o marisco, a carne, as legumes, as verduras ou o pan. Algúns dos pratos máis típicos, como o polbo á feira, a empanada, o guiso de lamprea ou o cocido galego, son profundamente valorados máis aló das nosas fronteiras. E a base da hoxe coñecida como "dieta atlántica" atópase na alimentación dos habitantes dos castros de hai máis de dous milenios.
Comida nun poboado castrexo:
Dentro das condicións de economía de subsistencia na que vivían, podemos afirmar que os nosos devanceiros tiñan unha dieta bastante diversa e completa, fundamentada na agricultura, a gandería, a caza, a pesca e a recolección. O lector de "A viaxe do castrexo" poderá coñecer máis sobre estes temas acompañando aos personaxes nos seus quefaceres cotiáns.
O protagonista principal é un pescador chamado Occe, que cada día sae coa súa barca para facerse coas pezas que por aquel entón abondaban nas augas das nosas costas. Robalizas, congros, xurelos, douradas, fanecas, maragotas, rodaballos, pescadas.... eran só algunhas das especies que formaban parte do seu botín. Para capturalas utilizaban maiormente anzois de óso ou bronce, aínda que tamén se atoparon restos de pesas relacionadas coa pesca desde terra ou pequenas embarcacións. Crese que tan só en ocasións absolutamente puntuais os mariñeiros se asociaban para apresar un trofeo moito máis grande. Nunha entrada anterior de este mesmo blog trátase o tema da caza de baleas.
En canto aos moluscos, o seu consumo está documentado a través das evidencias de numerosos "concheiros" na costa galega, unha especie de vertedoiros onde se almacenaban os residuos. A relevancia deste recurso alimenticio variaba segundo a época do ano, así que podemos imaxinarnos a decenas de homes e mulleres acudindo ás praias coa marea baixa para encher os seus cestos de navallas, vieiras, berberechos, mexillóns, ostras, lapas, ou ameixas. Tamén comían ourizos, centolas, cangrexos ou percebes. Debido á grande abundancia de fauna mariña naquela época, o tamaño de todas estas especies sería considerablemente maior ao que nós podemos degustar na actualidade.
A gandería era igualmente unha práctica moi estendida. Na novela, o simpático Brao é un pastor encargado dun rabaño de cabras. Estes animais, xunto a porcos, ovellas, ou aves de curral, proporcionaban aos castrexos carne, coiro, leite, ovos e manteiga. O gando gardábase en valados de madeira que se atopaban ao carón dos poboados.
O consumo de carne complementábase coa caza. Cervos, corzos, teixugos, porcos bravos ou coellos formaban parte da súa dieta. Cazadores como Ogai abatían as presas máis grandes a base de certeiros frechazos e golpes de lanza, mentres que para atrapar animais máis pequenos empregaban trampas camufladas entre a follaxe. Preparaban a carne á brasa, cocida en auga, ou frixida en graxa de porco.
No tocante á agricultura, cultivaban cereais (trigo, millo miúdo, avea, centeo, cebada) e tamén hortalizas (verzas, nabizas, chícharos, grelos, fabas). Recollían landras e castañas e utilizaban muíños de man para moelas e obter fariña coa que elaborar pan ou papas. A masa cocíase en fornos de pedra previamente quentados. A tía Ausa, nai de Brao, era unha experta tanto no manexo deste aparello como na elaboración de deliciosos boliños.
Banquetes nos albores da historia:
Despois de falar sobre a alimentación dos castrexos non nos resulta difícil evocar como sería un deses copiosos banquetes co que os clans celebraban as súas festividades. Para isto imos apoiarnos unha vez máis nos textos de Estrabón, o autor clásico que máis información nos deixou acerca dos antigos galaicos. Segundo este filósofo e historiador do século I a. C., os nosos antepasados sentaban en pedras ao redor dos muros de acordo á súa idade e o seu rango. As bebidas máis comúns á parte da auga eran a cervexa e o leite de cabra, reservando o escaso viño co que contaban para as ocasións máis especiais. Así mesmo habería competicións ximnásticas, carreiras, combates tanto a pé como a cabalo... E como era de esperar, nestas celebracións estaba moi presente a música. Ao remate do festín, homes e mulleres levantábanse para danzar a un tempo ou mediante saltos e piruetas, ao son de frautas e outros rudimentarios instrumentos de vento, ademais de tambores. Foi precisamente nunha destas festas onde o destino de Occe, o humilde mariñeiro do clan da Torre, ía cambiar para sempre...
Non se pode dicir que esta xente estivese mal alimentada. A súa dieta era ben rica e variada...
ResponderEliminarComa sempre, atòpome cunha información redactada dun xeito tan ameno que o meu interese medra a medida que vou lendo.
ResponderEliminarGrazas.