"Lanzámoslle todos os arpóns que levabamos connosco. As baleas están protexidas por unha pel moi grosa, e aínda que o animal se atopaba gravemente ferido, tiñamos que continuar acosándoo ata que, derreado, acabase morrendo por esgotamento. A nai acudiu desesperadamente en defensa dá súa cría, golpeando de forma violenta a superficie do mar. Tras un dous encontróns perdín o equilibrio e, de súpeto, vinme chapuzando na auga, rodeado deses terroríficos seres xigantescos."
Estas palabras corresponden a Melhacar, personaxe ficticio e xefe do clan da Torre na novela "A viaxe do castrexo", onde fala sobre a captura dunha balea. Pero... é posible que, na realidade, uns homes a bordo de rudimentarias barcas e apenas armados con lanzas, fosen quen de dar morte a tan colosal animal?
Caza de baleas na antigüidade
Comecemos polo principio. Sábese que na antigüidade algúns grupos humanos foron capaces de desenvolver a capacidade de capturar estes cetáceos. Hai evidencias que nos falan desta actividade en Alaska hai 3.400 anos, petróglifos en lugares tan dispares como Noruega, Chile ou Corea do sur, ou restos do consumo de carne de balea na Prehistoria en distintos puntos do Mediterráneo. E isto probablemente puido ocorrer tamén de forma puntual no norte da península ibérica antes da chegada dos romanos.
| Pinturas rupestres representando a caza de baleas en Chile - https://www.nationalgeographic.es/ |
A presa máis común sería a balea franca (Eubalaena glaciali), que tras reproducirse no Ártico emigra cara ao sur de Europa e o norte de África para pasar o inverno. Os individuos desta especie adoitan desprazarse en grupos preto da costa. Ademais, a diferenza doutras especies, as pezas flotan unha vez abatidas, o que facilitaría o seu transporte a terra firme. Este tipo de cetáceo recibiría máis de mil anos despois o nome de "balea vasca", facendo referencia aos mariñeiros do golfo de Biscaia que foron pioneiros en perseguir a estes animais por alta mar ata lugares tan remotos como Terranova ou Brasil.
| Balea franca austral - https://www.infoanimales.com/ |
Imaxinemos logo a un grupo de aguerridos pescadores da Galicia prerromana a bordo dos seus primitivos botes feitos de madeira, coiro e vimbias, acudindo ao encontro dunha familia de baleas de quince metros de longo e máis de trinta toneladas de peso. Os exemplares adultos serían case imposibles de capturar, debido á dificultade de atravesar a súa grosa pel, así que os nosos devanceiros fixarían o seu obxectivo nas crías. A táctica era identificar a un baleato e acosalo ata o esgotamento cos bastos arpóns da época mentres empuxaban ao animal cara á costa. Con todo, moverse entre estes xigantes furiosos era unha actividade extremadamente perigosa que sen dúbida lle custaría a vida a máis dun destes valentes. Pero malia a inmensidade deste desafío, máis grande era a recompensa en caso de saír airosos, xa que as toneladas de carne e graxa dun destes animais aseguraban o sustento e o benestar dos membros dun poboado durante un longo período de tempo.
| A tribu dos lamafas (Indonesia) segue cazando baleas cuns métodos semellantes aos que empregarían os castrexos - https://www.anfrix.com |
Baleas na actualidade
A balea franca continuaría sendo capturada ata ben entrado o século XX, o que levou a esta especie ao bordo da extinción. Aínda que se calcula que antes da caza masiva había máis de cen mil exemplares desta especie nadando polos océanos, a poboación actual non vai máis alá duns nove mil individuos. Como curiosidade, sinalar que foi nas costas galegas no ano 1985 o lugar onde se abateu a última balea en Europa. Afortunadamente, a nova lexislación está a dar os seus froitos e o censo de cetáceos comeza a ofrecer mostras de recuperación nas últimas décadas.
Cómo viguesa estou desexando ler unha novela que fala desta cidade nesa época da historia.
ResponderEliminarHaberá que agardar aínda uns meses para que se publique, agardo que che guste, grazas por comentar! :)
Eliminar