E POR FIN, NAS LIBRARÍAS...

    Foi o catorce de decembro de 2021. Estaba na casa afectado por un bo trancazo cando recibín no meu correo electrónico unha mensaxe de Francisco Castro, director xeral de Galaxia. Levaba uns días esperando ese intre, así que respirei un par de veces antes de abrir o contido e dispoñerme a lelo.


Bo día Alexandre:

Limos a túa novela e queremos publicala. Así que, en canto poidas, entra en contacto comigo por favor.

    Para ser sincero, non lembro moi ben o que sucedeu a continuación. Creo que empecei a dar saltos posuído por unha inmensa sensación de alegría, mentres empezaba a asimilar que o meu libro, esa historia que estivera escribindo no últimos tres anos como un agradable pasatempo, ía estar un día acompañando a outras obras nos andeis das librarías. E ademais, íao facer da man de Galaxia, editorial de referencia en Galicia, fundada hai máis de 73 anos por eminencias intelectuais como Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, ou Fernández del Riego; e que publicou as obras dos autores máis importantes en lingua galega.



    Eu acabara de escribir "A viaxe do castrexo" apenas unhas semanas antes, e ata ese momento lérana tan só os meus pais e o escritor e amigo Silvestre Gómez Xurxo. E aínda que é certo que a eles lles gustara, as opinións de familia e achegados están indubidablemente influenciadas polo afecto dos teus seres queridos. Por iso nunca poderei esquecer a conversa telefónica que tiven con Francisco Castro uns días máis tarde e as agarimosas palabras que lle dedicou á miña novela.

 

Algo tan remoto, co que non me atrevera nin sequera a fantasiar, ía facerse realidade.


    Pasou máis de ano e medio desde entón, e neste tempo non tiven outra alternativa que ser paciente. Lembro con especial agarimo a miña primeira visita a Galaxia, cando o propio Francisco me recibiu en persoa e pasamos un anaco charlando. Presentoume a continuación  ao seu equipo, entre eles a Xesús Domínguez, a quen lle estou moi agradecido tanto polo traballo conxunto nas últimas correccións como por se atopar sempre disposto a aclarar as dúbidas dun escritor novato coma min. O mesmo podo dicir de Marcos Calveiro, director de Edicións, e de Sara Valcárcel, responsable de Comunicación.

 

Pero toda espera ten a súa recompensa e en xullo de 2023 o libro saíu da imprenta. 


    Apenas uns días máis tarde recibín un paquete na miña casa de Alemaña. Sabedor do seu contido, abrino cunha ansia case frenética. Alí, entre o envoltorio, apareceu a miña novela, brillante e relucente. Ao fin podía tela entre as miñas mans! Acariñeina, abraceina, ulisquei o seu arrecendo a novo, folleei as súas páxinas lendo parágrafos ao azar..., gozando dese momento absolutamente máxico no que un autor recibe a súa obra xa impresa por primeira vez.



    Estas últimas semanas están a ser verdadeiramente moi emocionantes. Aínda non podo crer de todo que, ao poñer nun buscador da internet "A viaxe do castrexo", aparezan resultados da miña novela dispoñible en librarías de toda Galicia. E desde Vigo e Lugo chéganme fotos do libro no escaparate de diferentes establecementos. Algo absolutamente impensable cando un tempo atrás pasaba horas tecleando diante do portátil.


Libraría Gami, Vigo

Libraría La voz de la verdad, Lugo

    Con todo, sospeito que a hora da verdade aínda está por chegar. Nos vindeiros meses, decenas, centos, quen sabe se mesmo máis persoas terán un exemplar nas súas mans. Así que o desafío está aí. Serei capaz de transmitir ao público, cando menos unha pequena parte desas sensacións tan intensas que experimentei mentres escribía? Colmará as expectativas de quen se dispoña a lelo? Persoalmente, valoro moito o lecer, polo que estou profunda e sinceramente agradecido a calquera que decida investir parte do seu valiosísimo tempo en botalle una ollada á novela. Así que, querido/a lector/a, se aínda non o fixeches, anímoche a que lle deas unha oportunidade. E se xa a liches, só espero estar á altura. Nun sentido ou noutro, valoro moito calquera comentario sincero que me poidas deixar.



Comentarios