Celtas si ou celtas non? Este é, sen dúbida, un dos meirandes debates na extensa historia de Galicia, no que arqueólogos e historiadores continúan sen poñerse de acordo a día de hoxe. Por unha banda temos a visión máis romántica, desenvolta principalmente no século XIX e a principios do XX por autores como Vicetto ou Murguía, que defende a idea dos castrexos como unha nación celta propiamente dita. Este entusiasmo foi substituído por un profundo escepticismo durante a ditadura franquista, na que se falaba de celtiberos asociados ao conxunto do estado para evitar diferenzas rexionais. Nos últimos anos cobrou forza a hipótese dunha cultura autóctona con fortes influencias celtas, pero tamén mediterráneas.
| Trisquel calado de Castromao - https://museos.xunta.gal/es |
Quén foron os celtas?
Por celtas referímonos a un grupo de sociedades tribais xurdidas en Europa central a partir do ano 1200 a.C. Estes pobos compartían unha cultura material iniciada na primeira Idade do Ferro, crenzas relixiosas, estrutura social, e sobre todo, as coñecidas como linguas celtas, un conxunto de dialectos de orixe indoeuropea inintelixibles entre si. O termo “celta” provén do grego "keltikoi" (os elevados ou os loitadores), máis tarde latinizado como "celtae". Os romanos referíanse deste xeito a todos aqueles que consideraban bárbaros. Algunhas destas tribos internáronse no noroeste peninsular en dúas grandes migracións entre os anos 950 e 650 a.C., impoñéndose pola forza aos nativos que daquela habitaban Galicia, os coñecidos como oestrimnios.
| https://gl.wikipedia.org |
Significa isto que os castreños eran celtas?
Non necesariamente. Para empezar, cultura castrexa é un concepto amplo que abarca varios séculos da historia de Galicia (dende finais da Idade do Bronce ata o comezo do dominio romano), nos que o castro ou poboado fortificado era o centro da vida das comunidades. Os expertos están de acordo en que este mundo castrexo garda unha evidente relación co espazo cultural celta, sobre todo en canto ao estilo de vida e a cosmovisión do mundo. A continuación presentamos algúns destes elementos:
- A lingua galaica como unha lingua céltica ou protocéltica: aínda que apenas coñecemos o idioma dos castrexos, na toponimia do noso territorio consérvanse moitos nomes de orixe céltica: Brigantia, Tambre, Limia, Miño, Deva, Navia...
- Os deuses da cultura galaico-romana atópanse estreitamente relacionados co panteón celta: por exemplo, unha das divindades principais castrexas era Lug, de clara orixe céltica, relacionada co sol ou a luz. Outra deusa de ascendencia indoeuropea era Navia, vinculada á fertilidade e ao embarazo. As súas inscricións aparecen preto de ríos ou fontes, o que en certa maneira a relacionan coas figuras das ninfas.
- Unha sociedade xerárquica dirixida por un xefe, cun sistema de relacións de parentesco a través do cal os gobernantes e as familias máis poderosas dominaban a sociedade. Tamén os líderes relixiosos (magos, druídas) tiñan unha grande importancia, acumulando una boa parte dos coñecementos.
- Compoñentes materiais e tecnolóxicos. Aquí atopamos múltiples exemplos: os tipos de construcións, armas e cascos, fortes confluencias no estilo artístico... Un dos obxectos máis paradigmáticos claramente céltico e moi presente no mundo castrexo son os torques. Trátase de colares ríxidos, case sempre de ouro, que non se pechan e que ademais de como adornos eran utilizados como símbolo de autoridade e poder.
| Casco castrexo atopado en Ribadesella - imaxe cedida polo Museo Arqueolóxico de Asturias ós medios |
Argumentos en contra:
Con todo, o "estar influenciado por" non é o mesmo que o "ser". A visión contraria considera que a cultura dos habitantes dos castros galegos non era exclusivamente céltica, senón máis ben froito das diferentes achegas, entre as que se atopan as da propia poboación autóctona e as influencias dos pobos do sur cos que os galaicos mantiñan relacións comerciais. Seguindo este argumento, identifican aos castrexos como unha cultura propia do noroeste peninsular que recibiu contribucións tanto centroeuropeas como mediterráneas, sen que isto implique unha invasión ou dominación celta propiamente dita.
Como vemos, o debate sobre as nosas orixes segue xerando polémica e está aberto a novas interpretacións. E vós, lectores deste blog, que postura pensades que podería ser a máis atinada?
| Bandeira intercéltica acorde co celtismo galego - https://gl.wikipedia.org |
Excelente artigo, Alex. Moi ben exposto. Parabéns.
ResponderEliminarGustoume moito este artigo. Quedo reflexionando sobre a pregunta final. Boa idea poder dar as nosas opinións.
ResponderEliminarMoi didáctico!
ResponderEliminarGrazas por leelo e por comentar :)
Eliminar