A CONQUISTA DE HISPANIA: NIN RÁPIDO, NIN DOADO

    

    Os romanos puxeron os seus pés na península Ibérica como consecuencia da Segunda Guerra Púnica, para combater aos cartaxineses. Tras perder Sicilia, Sardeña e Córsega, Cartago optou por orientar a súa expansión cara a Hispania, ocupando diferentes portos estratéxicos como Gadir (Cádiz) ou Cartago Nova (Cartaxena). O xeneral Aníbal organizou unha expedición que cruzaría os Alpes para dirixirse cara á península itálica (con miles de hispanos baixo o seu mando) e Roma decidiu contraatacar co desembarco en Ampurias (ano 218 a. C.) do exército romano, co fin de cortarlle as subministracións. As hostilidades entre uns e outros se prolongaron durante case dúas décadas e ao fin do conflito Roma fíxose co control da costa mediterránea e os productivos vales do Ebro e o Guadalquivir.


Ruinas de Cartago - Foto: Pixabay
                     

A resistencia lusitana:

     O seguinte paso foi penetrar no interior peninsular e no actual sur de Portugal, incorporando novos territorios mediante unha combinación de forza militar e diplomacia. Se unha poboación se sometía libremente, os seus habitantes  a miúdo recibían certas exencións no pago de impostos. En cambio, se ofrecían resistencia eran aniquilados ou vendidos como escravos. Con todo, os romanos perpetraron enormes abusos na administración dos pobos conquistados, o que provocaba numerosos alzamentos na súa contra, destacando entre eles as rebelións lusitanas. Para poñer fin a estas revoltas, no ano 151 a. C. o pretor Servio Sulpicio Galba atraeu a milleiros de nativos aos seus campamentos mediante promesas de terras fértiles. Unha vez estes entregaron as súas armas en sinal de amizade, foron brutalmente aniquilados. Entre os poucos que lograron fuxir atopábase Viriato, quen uns anos despois ía levantarse contra os conquistadores infrinxíndolles severas derrotas durante case unha década. Este guerreiro lusitano tivo a virtude de deselvolver á perfección a guerra de guerrillas, xa empregada anteriormente por algúns dos seus predecesores, usando ao seu favor a accidentada orografía peninsular infestada de serras, vales e desfiladeiros. A súa táctica consistía en atacar guarnicións illadas mediante emboscadas, para retirarse inmediatamente aos seus agochos despois de causar a desfeita. Cos seus éxitos logrou que fosen cada vez máis os que se uniron á causa, instaurando unha especie de federación de tribos lusitanas. Estes feitos aparecen reflectidos con detalle na novela a través de Tulo, personaxe ficticio moi próximo a Viriato nas súas andanzas.

 
    Non habendo xeito de acabar con este temible rival que tantos quebradizos de cabeza estaba a causarlles, entre os anos 139-138 a. C. o cónsul Quinto Servilio Cepión chegou a un acordo con tres aliados de Viriato (Audax, Minuro e Ditalco) para que o asasinasen a cambio de diñeiro e terras. Parece ser que os traidores entraron no refuxio do caudillo lusitano para apuñalalo no pescozo mentres durmía, xa que este era moi desconfiado e repousaba sempre coa armadura posta. Unha vez cumprido o seu labor regresaron ao campamento romano para cobrar a súa recompensa e foi entón cando Cepión os recibiu coa famosa frase: "Roma non paga a traidores".

 

Imaxen: Pixabay
 

Primeiro contacto cos galaicos:


    Pouco tempo despois, probablemente no ano 137 a. C., un exército encabezado polo cónsul Décimo Xunio Bruto cruzou o río Texo para dirixirse cara ao noroeste peninsular. Na batalla do  Douro tivo lugar un grande enfrontamento contra as tribos brácaras, no que a superioridade romana se puxo de manifesto. Con todo, ademais de loitar contra os seus inimigos no campo de batalla, Bruto tivo que lidar cos problemas de indisciplina dos seus propios homes que se viron dominados pola superstición. Conta a lenda que nas ribeiras do río Lima os lexionarios se negaron a avanzar, xa que pensaban que se se introducían nas augas perderían a memoria. Foi o propio cónsul quen asindo o estandarte da lexión, cruzou o leito en primeiro lugar para chamar aos soldados un a un polo seu nome e deste xeito convencelos en proseguir a campaña. Continuaron ata a desembocadura do río Miño onde se volveron a enfrontar ás hostes locais. Na novela, o personaxe principal, Occe, xunto aos seus amigos, ten un papel destacado nestes acontecementos.

 

A famosa defensa numantina:

 
    Pero os pobos lusitanos e galaicos non eran os únicos en poñer en xaque aos invasores, xa que en pleno corazón da Celtiberia os numantinos levaban anos hostilizando ás lexións romanas. Fartos de humillacións, no ano 134 a. C. nomearon cónsul a Publio Cornelio Escipión Emiliano, considerado naqueles momentos como o mellor xeneral de Roma, co mandato expreso de reducir á pertinaz rebeldía numantina. Emiliano optou por evitar o combate directo e reforzar o cerco á cidade, impedindo que ninguén puidese saír das súas murallas. Sen víveres e sen unha fonte de auga potable, a fame e as enfermidades acabaron coa heroica resistencia que se prolongara durante anos. Os valentes habitantes de Numancia optaron por suicidarse e incendiar o seu poboado antes que entregarllo aos romanos.

 

Restos romanos en Numancia - Foto: Pixabay
                        

    Corría o ano 123 a. C. cando os romanos puxeron os seus ollos nas illas Baleares. Tampouco dominar este territorio foi sinxelo xa que aquí se atoparon cuns indíxenas tremendamente destros utilizando tirafondas para combater. Mesmo un século despois algúns destes fondeiros serían recrutados para a conquista das Galias.

 

Xulio César en Galicia:

 
    O século I a. C. estivo caracterizado polas guerras civís en Roma e isto tamén se viu reflectido en Hispania, con numerosas batallas nas que se enfrontaban os partidarios dun ou outro xeneral. Pola contra, Galicia continuaba sendo un territorio inexplorado que permaneceu á marxe destas hostilidades ata o ano 60 a. C., coa campaña de Xulio César. Xa un ano antes, o famoso xeneral puidera comprobar en por si a fereza dos nativos ao neutralizar os últimos focos de oposición na actual Serra da Estrela (norte de Portugal). Tras descartar o avance por terra, modificou a súa estratexia partindo desde o porto de Gadir (Cádiz) nunha expedición ao mando de varias naves en dirección a Brigantio, lugar coñecido polo seu comercio de metais situado na costa coruñesa. Alí os conquistadores desembarcaron para facerse con todo o que puideron de valor, botín co que Xulio César puido saldar as súas débedas e gañarse o favor de Roma.

 

Busto de Xulio César - Imaxen: Pixabay

    Aínda así, a resistencia continuou no interior do territorio galego ao longo das seguintes décadas. A batalla máis significativa desenvolveuse no monte Medulio no ano 22 a. C., lugar onde se refuxiaran cántabros, astures e galaicos. Baixo o mando de Caio Furnio, as lexións romanas rodearon o mítico emprazamento cunha elevado valado e un foso de máis de vinte quilómetros. As cargas das tribos locais non lograban romper o asedio e co paso dos meses a moral e as forzas comezaron a desfalecer. Ao cabo, os invasores lanzaron un ataque simultáneo desde diversos puntos que sería definitivo. Unha vez máis, a lenda fálanos do orgullo duns indíxenas que se negaron a aceptar a escravitude, polo que conscientes do seu destino celebraron un gran banquete tras do que se deron morte baixo os efectos da embriaguez.


    Apenas tres anos máis tarde, no 19 a. C., César Augusto acabou coas guerras cántabras dando por rematada a conquista de Hispania. Pasaran dous séculos desde que os romanos chegaron a península ibérica e caeran centos de miles de homes de ámbolos bandos. Co final do conflito inaugurouse unha longa época de estabilidade na que vencedores e vencidos se foron mesturando lentamente ata conformar unha nova sociedade. Os celtas e os iberos esqueceron as linguas dos seus antepasados para substituílas polo latín. Incluso a propia Roma se encheu de hispanos ilustres como o emperador Traxano ou o filósofo Séneca.

 

A conquista romana de Hispania - http://www.hispanidad.info/conqrom.htm

 

    En Galicia este apoxeo económico traduciuse no crecemento e a prosperidade dos castros, do que se beneficiaron as clases altas galaicas. Con todo, a ausencia de conflitos bélicos acabou motivando o paulatino abandono dos poboados fortificados e o desprazamento da poboación cara aos vales onde se atopaban os ríos e as novas explotacións agrarias. Este período de benestar e progreso íase prolongar durante séculos ata a chegada dos suevos no ano 409.


Comentarios

  1. Paréceme moi interesante o tema do libro xa que é unha época da historia pouco coñecida.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Alégrome de que che guste, proximamente subirei novo contido relacionado con esta época histórica :)

      Eliminar

Publicar un comentario