O CASTRO DE VIGO

     

    Tanto  Occe coma outros personaxes principais da novela "A viaxe do castrexo" pertencen ao Clan da Torre, un dos poboados máis importantes da rexión, construído nas abas dun outeiro que se eleva na beira sur dunha gran baía presidida por tres maxestosas illas. Con esta descrición non é difícil adiviñar que nos estamos referindo ao Castro de Vigo, asentamento ao que vai dedicado o contido deste post.

 

Recostrucción de vivendas no Castro de Vigo - Foto: Alexandre Plaza
 

O Castro na antigüidade:

    O monte  do Castro, antigamente chamado  Feroso ou  Terroso, constituía un lugar ideal para os seus antigos poboadores: terras fértiles, proximidade dun mar do que extraían multitude de recursos, bosques repletos de caza nos arredores... Ademais, os seus case 150 metros de elevación facilitaban a defensa ante un posible ataque inimigo. Neste sentido, hai que ter en conta que nos anos vinte do século pasado se levaron a cabo varias campañas de plantación de árbores que modificaron a paisaxe deste outeiro, xa que o frondoso aspecto actual nada ten que ver co pelado cerro que coñeceron os nosos devanceiros.

 

O monte do Castro a principios do século pasado - https://hoxe.vigo.org

    O seu esplendor tivo lugar entre os séculos III a. C. e III d. C. Os restos arqueolóxicos atopados indícannos que se trataba dun asentamento moi poboado e de grandes dimensións para a época, que se converteu no centro político, económico, relixioso e social dunha bisbarra que incluía a outros moitos núcleos de poboación de menor tamaño. Como tantos outros castros, estaba protexido por unha muralla que rodeaba o recinto principal. As vivendas contaban con planta de forma oval ou circular e distribuíanse polas ladeiras seguindo un sistema de bancais graduados. As súas paredes estaban feitas de pedra, que a miúdo compartían, mentres que os teitos eran dunha ou dúas capas de palla, e sostíñanse mediante un sistema de cordas tensadas con pesas. Moitas delas tiñan un pequeno vestíbulo exterior. Entre as edificacións non había rúas senón estreitos espazos baleiros.

 

Muíños de pan, ánforas e outros accesorios - Foto: Alexandre Plaza

    Como era habitual nas sociedades rurais ata hai non demasiado tempo, os seus habitantes  vivían da agricultura, a gandería, a pesca, o marisqueo, a caza e a recolección. Chama a atención a diversidade dos vestixios atopados, que ademais das vivendas inclúen celeiros ou pequenas canles e pozos de auga que se utilizarían en actividades manufactureiras como curtido de peles, salgaduras... Mesmo hai unha edificación dividida en tres estancias con entradas de auga que os arqueólogos identificaron como unha primitiva sauna. Os restos atopados na zona da illa de Toralla indícannos que tamén terían lugar, aínda que de forma moi eventual, intercambios con pobos mediterráneos que viñan en barcos e arribaban moi ocasionalmente nas nosas costas.

 

Telar - Foto: Alexandre Plaza

Abandono do Castro:  

    O declive do Castro de Vigo ocorreu no século III d. C., cando os seus habitantes decidiron abandonalo para se instalaren paulatinamente na contorna da actual rúa Areal. Non sería ata a Idade Media cando a cidade se foi estendendo cara ao que hoxe é o Casco Vello.

    As ruínas deste poboado castrexo fóronse deteriorando debido á acción de procesos  erosivos naturais, como o vento e a choiva, ata desapareceren sepultadas pola terra. Non foi ata finais do século XIX cando volveron ser descubertos. Tras varias campañas de escavacións arqueolóxicas nas que se  desenterraron restos dunha vintena de vivendas e numerosos obxectos, o complexo volveu ser descoidado polas administracións a partir do ano 1988. Durante dúas décadas a maleza volveu gañar terreo e as instalacións foron vítimas de varios actos de vandalismo. No ano 2009 e cos fondos do plan E comezaron as obras de rehabilitación da zona, un 1.800 m² que tan só representan unha pequena parte do asentamento orixinal.

Restos de vivendas - Foto: Alexandre Plaza
 

O Castro na actualidade:

    Actualmente o xacemento atópase valado e vixiado por cámaras de seguridade. Ademais, restauráronse tres edificacións na súa totalidade que, xunto aos paneis informativos, permítennos facernos unha idea de como sería a vida de  Occe e dos demais habitantes do Clan da Torre hai máis de 2.000 anos. A visita é gratuita.

Comentarios

  1. Moi interesante e amena esta información sobre o Castro de Vigo. Apetece visitalo, sobre todo polas ruínas.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario