OS LEXIONARIOS ROMANOS

 

    O escritor romano do século IV Flavio Vegecio afirmou que “o punto forte que facía únicos aos romanos era a excelente organización das súas lexións”. E é que elas foron o instrumento clave co que Roma logrou dominar o que daquela era o mundo coñecido, durante máis de sete séculos. Tratábase de unidades militares de infantería que nos comezos contaban con 4.200 homes, aínda que tanto a súa estrutura como o número de soldados foi evolucionando co desenvolvemento do exército e as sucesivas reformas. Neste post imos centrarnos na vida dos integrantes principais destes destacamentos: os lexionarios romanos.

 

Lexionario mirando o horizonte - https://historia.nationalgeographic.com.es/


Novos recrutas:


    Nunha época na que unha gran parte da poboación vivía ao límite da subsistencia, alistarse no exército podía converterse nunha saída atractiva para moitos. Os soldados tiñan garantida a comida e o aloxamento, ademais dun salario fixo chamado stipendium. A isto uníanselle complementos por viaxes, botíns, posibilidades de promoción interna, privilexios nos procesos xudiciais, e unha recompensa en forma de diñeiro ou terras ao finalizar o servizo. A cambio, os lexionarios debían acatar calquera orde dos seus superiores sen protestar, aceptar todo tipo de castigos, mesmo corporais, e, sobre todo, vivir co risco que implicaba xogarse o pelello nas numerosas batallas nas que participaban.


    Para entrar na lexión os aspirantes tiñan que cumprir unha serie de condicións. A primeira e máis importante era contar co status de cidadán romano. Os que non cumprían este requisito podían alistarse en tropas auxiliares, coa esperanza dalgún día conseguir a cidadanía. A altura ideal dun recruta era entre 1.72 e 1.77 metros, aínda que se aceptaban aspirantes de complexión forte que medisen máis de 1.65. Como o servizo duraba 25 anos, o candidato debía tratarse dunha persoa nova, duns 20 anos. Os candidatos procedentes do campo eran ben valorados, xa que polo xeral soportaban mellor a dura vida militar. Tamén se buscaban profesionais, como ferreiros ou carpinteiros, fundamentais para levar a cabo as tarefas no campamento.


Adestramento:


    Un dos fundamentos do éxito militar romano era a portentosa capacidade física dos seus integrantes. Así, os novos recrutas debían someterse a un durísimo adestramento duns catro meses, nos que se afacían a percorrer longas distancias transportando ás súas costas un equipamento que podía chegar a pesar ata uns trinta quilos. Tamén aprendían a levantar  valados e muros, cavar gabias e foxos... Ademais do apartado físico, a instrución comprendía igualmente a aprendizaxe dos movementos militares que máis tarde ían executar no campo de batalla, así como nas formacións especializadas para se enfrontaren aos distintos inimigos. Nestes exercicios utilizaban espadas e escudos de madeira, máis pesados que os reais, co obxectivo de fortalecer os músculos e gañar axilidade. Unha vez rematada con éxito esta etapa, os lexionarios eran destinados á súa unidade.

 

Exercicios de adestramento - https://www.abc.es


O día a día no campamento:
     

    Os campamentos romanos tiñan unha estrutura común, con forma rectangular e dúas rúas principais que o atravesaban de lado a lado. No centro atopábanse os edificios principais, como o cuartel xeral, pequenos templos, o hospital, ou os celeiros. Os lexionarios durmían en barracóns mentres que os centurións e oficiais de maior rango tiñan habitáculos particulares.

 

Campamento romano - https://www.diariodeleon.es


    Tras almorzar e pasar revista, os soldados recibían as tarefas asignadas para a xornada. Estas podían ser tan diversas como saír de patrulla, realizar gardas, ou levar a cabo tarefas de mantemento do campamento ou do material. Tamén se organizaban con frecuencia intensos adestramentos en grupo, como esgotadoras marchas, desfiles, ou simulacros de batallas. Ao acabar o día cada lexionario recibía unha ración individual de comida e despois gozaban de tempo libre. Moitos deles acudían aos poboados que xurdían nos arredores do campamento para gastar o seu xornal bebendo e xogando nas tabernas ou nos prostíbulos. As termas, así mesmo, eran moi apreciadas. Estes asentamentos podían medrar de tal xeito que co tempo a miúdo daban lugar a novas cidades.


Recompensa ao servizo militar:
 

    Ao redor da metade dos lexionarios conseguían sobrevivir aos 25 anos de servizo, tras os que eran licenciados con honra. Dábaselles unha retribución en forma de diñeiro ou terras, ademais de contar con outras vantaxes como exención de impostos ou certos privilexios relacionados coa xustiza. Algúns decidían volver a casa, aínda que moitos outros optaban por quedar pola zona, sobre todo se formaran unha familia con mulleres locais. Tiñan uns 45 anos de idade, polo que dependendo de como tivesen administrado as súas ganancias e das súas inquedanzas, podían retirarse ou utilizar o diñeiro gañado en abrir un negocio.


Lexionarios en combate - https://www.abc.es

 

Comentarios

  1. Moi instructivo este artigo, moitas curiosidades... Grazas, Alex. Cada vez teño máis ganas de que se publique a novela.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario