A NAVEGACIÓN NA ANTIGÜIDADE

 

    Quen non se ten sentado xunto ao mar para deixar voar a imaxinación, coa mirada perdida na  afastada liña do horizonte na que as augas se acaban fundindo co firmamento? Con toda seguridade isto mesmo lles ocorría aos nosos devanceiros que, desde os albores dos tempos, se deixaron seducir pola cativadora inmensidade deste azul infinito.


    Para os habitantes do litoral, o océano constituía unha fonte primordial de alimento e recursos, aínda que tamén se trataba dun lugar misterioso e  insondable que en ocasións amosaba a súa cara menos amable traendo desgrazas e calamidades. Por iso non é estraño o papel tan destacado que o mar ocupa en todas as mitoloxías, morada de deuses e de criaturas descoñecidas. Poder cruzalo, superar o desafío de chegar alén ata o descoñecido, significaba para o home prehistórico dar pasos axigantados no seu afán por comprender e dominar a Natureza. De aí a incontestable importancia da navegación.


 Os inicios:


    Os primeiros pasos viñeron dados co emprego de troncos e balsas para vadear ríos caudalosos, achegarse a illas próximas, ou atravesar pequenos estreitos. Estarían impulsados por pértegas ou remos, ou deixaríanse simplemente levar pola corrente. Aínda que non se conservan evidencias arqueolóxicas, crese que os devanceiros dos aborixes australianos utilizaron bastas barcas feitas con vimbias na súa fazaña de cruzar os 70 km. que separan Nova Guinea de Australia, hai máis de 40.000 anos.

 

Balsa primitiva - http://www.timetoast.com

    Temos que avanzar ata o ano 7.000 a. C. para atopar en Europa os primeiros restos de embarcacións primitivas. Nesa época colonizáronse illas mediterráneas como Chipre ou Creta. Para iso utilizarían troncos de árbores baleiradas, máis fáciles de dirixir que as balsas, e propulsados por remos. En Lincoln, Inglaterra, atopáronse restos dun carballo de quince metros de longo e dous de ancho con capacidade para trinta persoas. Máis pequenos son os troncos atopados en Normandía, Francia, cun tamaño que oscila entre os catro e os nove metros. O emprego da vela non aparece ata o ano 4.000 a. C. en Mesopotamia.

 

Barco da idade de Bronce atopado no río Nene (Whittlesey, Reino Unido) - https://www.vistaalmar.es
 

A navegación na Europa atlántica:


    A dispersión dos megálitos e da arte rupestre parecen indicar contactos esporádicos entre os pobos da fachada atlántica europea, o que implicaría un gran dominio sobre os ventos e as correntes por parte destes antigos navegantes. A partir do ano 2.500 a. C. está documentado o intercambio de armas, como lanzas, espadas e outros obxectos de metal. Con todo, estes encontros non pasarían de ser algo meramente excepcional durante a época prerromana.

 

Petroglifo Auga dos Cebros no municipio galego de Oia (ano 2.000 a.C.) - http://www.celtica.es
                                                    

 Embarcacións castrexas:


    No tocante á cultura castrexa, os habitantes dos poboados costeiros especializáronse na pesca de baixura a bordo de pequenas barcas de madeira e pel. O tronco inicial cubríase con táboas  unidas con cordas e vimbias, forradas á súa vez con coiro para volvelas impermeables. Navegaban de día coa referencia da costa a primeira ollada, aproveitándose das correntes litorais que coñecían á perfección. Os seus botes eran de fácil manexo para evitaren ser esnaquizados contra as rochas ou quedaren encallados en bancos de area. Este tipo de embarcación está perfectamente documentada, tanto polos numerosos restos arqueolóxicos atopados, como polos textos de autores clásicos como  Estrabón ou  Avieno. Este último falaba dos poboadores das míticas illas  Estrímnides (que en ocasións foron asociadas coas Cíes), quen "sucan coas súas embarcacións unha mar axitada polo forte vento e o abismo do océano preñado de  monstros. De feito, non saben ensamblar as súas quillas, construídas con madeira de piñeiro, e tampouco lles dan forma curva con madeira de abeto, senón que, algo realmente sorprendente, axústanas con peles entrelazadas e a miúdo atravesan o extenso mar salgado nestes coiros". 


Contactos entre o Atlántico e o Mediterráneo:

 
    O achado de material cerámico de orixe fenicia-púnica entre o río Douro e as rías altas galegas demostran a existencia dun intercambio entre os comerciantes mediterráneos e os pobos castrexos. Imaxinemos o abraio dun mariñeiro afeito a faenar nun minúsculo bote ao contemplar por primeira vez un maxestoso buque fenicio de ata 30 metros de eslora e 6 de manga, preparado para transportar decenas de toneladas de carga. Iso exactamente foi o que lle ocorreu a Occe, pescador do clan da Torre e protagonista principal na novela "A  viaxe  do  castrexo", que tivo a oportunidade de admirar de preto una destas impoñentes naves e mesmo embarcarse nela rumbo ao sur. Haberá que esperar aínda uns meses máis ata a publicación do libro para saber que aventuras lle deparará o destino ao noso personaxe.

 

Réplica mercante fenicio - https://www.phoeniciansbeforecolumbus.com/the-ship
                                                     

Comentarios

  1. Encantoume este artigo. Moi ben documentado.

    ResponderEliminar
  2. Gustoume. Informa e entretén. Boa idea facer este blog. Grazas Álex

    ResponderEliminar
  3. Desfrutando pola mañán de ler este artigo que fai que aumente a miña curiosidade pola cultura castrexa. Gustoume moito.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario