Salvador de Roma, ególatra, gran orador, visionario, sedutor, obsesionado co poder, tirano, destacado estratego... Son incontables os adxectivos que se teñen empregado para referirse a Caio Xulio César, político e militar do século I a. C. que acadou o poder máximo na República e expandiu as súas fronteiras máis aló dos límites coñecidos. Sobre el foron vertidos ríos de tinta en todos os formatos posibles: ensaios, novelas, tratados, poemas, cómics... Tamén é protagonista en varias películas, óperas, documentais, obras de teatro, e mesmo series de televisión. Por todo iso, máis de dous mil anos despois da súa morte, pódese afirmar con rotundidade que se trata do romano máis lembrado pola Historia. E si, tamén realizou as súas correrías en Galicia.
| https://historia.nationalgeographic.com.es |
Corría o ano 69 a. C. cando Xulio César puxo os seus pés na península Ibérica por primeira vez para traballar como cuestor da provincia romana denominada Bética. Contan que foi en Gades (Cádiz) onde rompeu a chorar desconsolado diante dunha estatua de Alexandre o Magno, sabedor de que o rei de Macedonia levantara o seu imperio aos 33 anos, mentres que el coa mesma idade aínda non lograra nada relevante.
Campañas no noroeste de Hispania:
Tras pasar uns anos en Roma regresou de novo á Hispania Ulterior no ano 61 a. C., esta vez como gobernador. Esta puxante provincia repleta de oportunidades resultou ser o lugar ideal para os intereses desta persoa tan profundamente ambiciosa. A sabendas de que a mellor forma de progresar na súa carreira política era retornando á capital da República cargado de fama e riquezas, aumentou o seu exército ata 30.000 homes. Foi entón cando se dirixiu cara ao norte da actual Portugal para enfrontarse no monte Herminius (Serra da Estrela) á resistencia lusitana. Segundo conta o historiador do século II Dion Casio, os soldados romanos someteron aos rebeldes, obrigando aos sobreviventes a abandonar as montañas e fuxir seguindo o leito dun río ata refuxiarse nunhas illas próximas á costa. Algúns autores sinalan que se trata das Berlangas (costa de Peniche), pero hai outros que defenden que este arquipélago eran en realidade as illas Cíes.
| https://www.padi.com |
A narrativa máis lendaria fálanos das hostes conquistadoras requisando embarcacións aos mariñeiros da localidade de Erizana (Baiona) para perseguir aos fuxitivos ata as Cíes. Os defensores recibiron aos lexionarios cunha choiva de pedras e frechas, polo que estes tiveron que empregarse a fondo durante días ata que ao fin conseguiron desembarcar na actual praia de Rodas. Algúns din que conquistadores e vencidos chegaron a un acordo de paz, outros que os invasores acabaron cos preto de cinco mil indíxenas que se atopaban nas illas, antes de continuar rumbo ao norte. O caso é que non hai vestixios arqueolóxicos que confirmen estes feitos, aínda que tamén é certo que ata hoxe os restos castrexos das Cíes apenas foron escavados. Polo tanto, deixamos aberta a posibilidade de imaxinar a Xulio César empolicado nun dos escarpados cantís das illas, observando unha posta de sol no infinito océano Atlántico mentres fantasiaba coas súas glorias futuras.
Costa norte de Galicia:
O que si sabemos con seguridade é que ao rematar as súas incursións en territorio lusitano, César mandou traer as súas naves desde Gades para embarcar ao exército e continuar o roteiro ata Brigantium, na costa coruñesa. As crónicas romanas fálannos duns nativos atemorizados ante o ruído das ondas batendo contra os cascos dos barcos, aínda que non nos proporcionan información sobre o grao de penetración desta expedición terra dentro.
Con campañas como esta Xulio César conseguiu o prestixio e o botín suficiente como para pagar as súas débedas e financiar a súa carreira política, o que lle permitiu regresar a Roma convertido en cónsul no ano 59 a. C. O que sucedería despois é abondo coñecido. Os sucesivos triunfos na guerra das Galias e contra os seus inimigos no Senado acabarían por convertelo no amo e señor da República. Quizais, e só quizais, viu cumprido desta forma o devezo de grandeza co que un día soñou mentres camiñaba coas súas sandalias sobre a finísima area da praia de Rodas.
| Praia de Rodas - www.makespain.com |
Nunca se pode desbotar nada... Ao mellor resulta que si, que paseou pola praia de Rodas. Nunca imaxinara tal cousa...
ResponderEliminarLer os artigos deste blogue esperta a miña curiosidade polo encontro entre as dúas culturas, a castrexa e a romana. Sen dúbida, gran parte dese interese é por producirse na miña contorna e tamén por como están escritos. A redacción é moi suxestiva.
ResponderEliminar