O MOTIVO DESTA HISTORIA


Sempre fun  desas persoas que pensan que a mellor forma de entender o presente é coñecendo o pasado. 

 

    Dende a miña nenez sentinme atraído polos feitos que se sucederon no territorio que actualmente ocupa a miña cidade, especialmente neses tempos remotos nos que a Prehistoria ía deixar paso á Historia coa chegada dos romanos a unhas terras que ata ese momento foran ocupadas polos pobos castrexos. Xa de adolescente gozaba camiñando polas abas do monte do Castro preguntándome como sería a vida daqueles poboadores primixenios na súa aldea fortificada mentres perdía a mirada na marabillosa inmensidade da ría de Vigo. E esta mestura de interese e fantasía acabouse traducindo no impulso de crear unha novela con estes devanceiros tan estimulantes para min como protagonistas.


Vista da cidade de Vigo dende as abas do monte do Castro - https://gl.wikipedia.org/
                                           

Pero escribir un libro non é en absoluto unha tarefa tan doada coma nun principio puidese parecer. 


    A primeira vez que o tentei tiña pouco máis alá de vinte anos e cheguei a redactar unhas cen follas. Con todo, non estaba demasiado satisfeito coa calidade da miña obra, polo que despois de poucos meses decidín aparcar o proxecto. Non o retomaría ata uns anos máis tarde cando vin vivir a Alemaña, o lugar no que resido ata o día de hoxe. Malia tratarse dun país estupendo que me acolleu cos brazos abertos, os principios nunca están exentos de dificultades e como a meirande parte dos galegos que deixan atrás o seu fogar non tardou en invadirme a morriña. O mellor recurso que puiden atopar para combatela foi deixar voar a miña mente ata as beiras do mar que me viu medrar, para recrear as peripecias duns individuos ficticios que corricaban por esas mesmas terras máis de dous milenios atrás. Contaba con menos de trinta anos cando Occe, Brao, Kara, e o resto de protagonistas principais da novela empezaron a tomar forma. Pero aprender un idioma tan complexo como o xermano xunto á esixencia de traballar apenas me deixaba tempo libre, polo que con certa amargura vinme obrigado a aparcar a escritura por segunda ocasión.

 

Vivendas castrexas reconstruídas no monte do Castro - https://www.turismodevigo.org/

    Non foi ata uns seis anos despois, xa totalmente adaptado á miña nova vida no estranxeiro, cando un incontrolable impulso volveu apoderarse de min. Agora si, sentíame totalmente preparado para acabar de compoñer a miña novela e non estaba disposto a parar ata acadalo. Foron moitas as madrugadas que pasei dando renda solta á miña inspiración fronte ao teclado mentres a miña muller e os meus dous fillos durmían, como tamén incontables foron os días que acudín cos ollos cansos a traballar tras unha noite en vela. Din os físicos que o tempo é relativo e iso é algo que puiden comprobar á perfección mentres escribía. Cantas horas  esvaecéronse coma se de minutos se tratasen, nas que non fixen máis que redactar un par de parágrafos...

 

    As semanas e os meses foron sucedéndose mentres eu seguía decidido a aproveitar cada momento libre en recrear o brutal choque de culturas que tivo lugar cando romanos e castrexos entraron en contacto. É certo que houbo momentos duros, nos que a inspiración ou a motivación ameazaban con abandonarme, pero eu xa estaba decidido a non tirar a toalla. Aínda pasaron tres anos máis ata que conseguín dar por rematada a miña obra. É realmente curioso o cúmulo de sensacións que me envolveron nese instante, coa satisfacción de ver cumprida a que se convertera nunha empresa vital, mesturándose cunha amarga melancolía entanto os personaxes que durante tanto tempo me acompañaran na miña mente se ían apagando devagar.


Foto: Pixabay
                                                  

O que eu non podía sospeitar era a inesperada sorpresa que estaba a piques de chegar. 

 

Escribir esta novela fora un acto íntimo, sen maior aspiración que algún día fose lida pola miña familia e os meus achegados. Que puidese estar ao alcance de calquera era unha posibilidade coa que nunca me atrevín nin sequera a fantasiar. Pero despois de que un amigo escritor lese a miña historia, decidín seguir os seus consellos e facela chegar á editorial Galaxia. A alegría que me embargou foi absolutamente indescritible cando o director se puxo persoalmente  en contacto comigo para, tras dedicarlle unhas gabanzas á novela, comunicarme que estaban interesados en publicala. Malia do arriscado que resulta apostar por un autor novel nestes tempos que corren, o meu libro ía chegar ás librerías e íao a facer nin máis nin menos que da man dunha das empresas máis potentes do sector. Un orgullo inmenso e un soño convertido en realidade. Ademais, o feito de que a historia sexa en galego é a miña particular forma de achegar o meu modestísimo gran de area á divulgación da nosa cultura.

 

    Desenvolver esta novela na que o protagonista percorre o sur de Galicia e o norte de Portugal foi finalmente unha viaxe tamén para min. Agora sei que escribir é unha aventura na que se goza e se aprende a partes iguais durante o proceso. Mentres me documentaba para este libro descubrín tantas informacións curiosas que decidín crear este blog co obxectivo de compartir algunhas delas. Se conseguen espertar no lector unha pequena parte do interese que eu mesmo sentín explorando o noso pasado, pagará a pena. 

 

 


Comentarios

  1. Encantoume a reflexión do motivo da novela. Hai moita sensibilidade.

    ResponderEliminar
  2. De todos os artigos publicados gustoume moitísimo "O motivo desta historia", cargado de grande emotividade. Augura un libro con sensibilidade.

    ResponderEliminar
  3. Estou desexando poder desfrutar da viaxe ao completo!

    ResponderEliminar
  4. Moi interesante alex. Esperando ilusionado a publicación.

    ResponderEliminar
  5. Bravo, Alexandre!
    Non me dá chegado o momento de ler o libro.
    Moi boa idea esta do blog; anima e (espero) axudará á lectura do libro.
    Emocionoume saber que andabas metido nestas leiras.
    Unha calorosa aperta e moitos bicos de mel.
    Ah, e desde Vigo, moito ánimos para seguir escribindo e tomar o control sobre a morriña.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas polas túas palabras tan agarimosas, agardo que a novela cumpra as expectativas!

      Eliminar

Publicar un comentario