É ben coñecido o carácter patriarcal da sociedade romana, na que as mulleres eran educadas para cumprir fundamentalmente o labor de boas nais e esposas. Aínda seren consideradas cidadás, non podían votar nin optar a cargos públicos ou servir no exército. Ámbitos como as artes, a filosofía ou a lectura estaban reservados exclusivamente para o xénero masculino. E mesmo na súa propia casa estaban suxeitas á "patria potestade", o poder de dominio exercido polo pai, cabeza de familia. Así que coa romanización, tamén as antigas habitantes dos castros galegos se viron relegadas a este papel secundario dentro da sociedade.
Pero, como vivían as nosas devanceiras antes da conquista?
Debido a que os castrexos non desenvolveron un sistema de escritura, temos que recorrer unha vez máis á arqueoloxía e aos textos romanos para tentar afondar neste tema. É o filósofo e historiador grego Estrabón quen nos dá máis detalles acerca dunha sociedade organizada en función da idade e a dignidade dos seus membros, no que a muller contaba cunha importancia bastante salientable tanto no plano económico como social.
| https://recreacionhistoria.com |
Eran elas as que se encargaban da dirección dos fogares e das tarefas domésticas. Recolleitaban froitos, cultivaban os campos e colaboraban na extracción de minerais. Pero o seu labor non se limitaba ao mero traballo, senón que as mulleres tiñan a posesión dunhas terras cuxa herdanza se transmitía por liña feminina. Isto era algo que chamaba moito a atención ao anteriormente mencionado historiador, xa que na antiga Grecia só os homes tiñan capacidade xurídica para seren propietarios. As castrexas, en cambio, parece que podían administrar os seus bens e comerciar con eles. Tamén participaban activamente na vida social do poboado, sendo as responsables de concertar os matrimonios dos seus fillos e irmáns.
Aínda que a guerra e a pillaxe eran actividades maioritariamente masculinas, sábese que as mulleres tamén participaban en batallas cando era preciso. As fontes romanas descríbenas como fortes, rexas e de grande afouteza. Polo xeral lucían longas cabeleiras adornadas con tocados que poderían corresponderse coa súa condición social.
No tocante á vestimenta, a peza máis utilizadas por ámbolos xéneros eran as túnicas e as capas en tons escuros. Se nos referimos á indumentaria exclusivamente feminina, destacan os vestidos con motivos florais e o uso de xoias como fibelas, pendentes, ou colares.
| Conxunto de pezas atopadas en castros galegos ou do norte de Portugal - https://www.laregion.es |
Malia o comentado con anterioridade, convén aclarar que a relevancia da muller na cultura castrexa non é incompatible coa autoridade masculina.
As continuas referencias dos autores antigos a xefes ou dirixentes en xeral indícannos que os homes eran os encargados de representar á comunidade. Así que de ningún modo podemos falar dunha situación de matriarcado senón máis ben dunha sociedade máis ou menos equilibrada, na que eles exercían o poder político e militar mentres que elas predominaban nos ámbitos económico e social.
Na novela "A viaxe do castrexo" tratei de reflectir o protagonismo da muller na Galicia prerromana a través dos seus personaxes femininos. É a xuizosa Elheruk quen leva a voz cantante en todos os asuntos relacionados coa vida no poboado. Tamén Kara, a nova herdeira do Clan da Torre, encárgase de asesorar habitualmente aos seus veciños. E que dicir de Gabri, a aprendiza de feiticeira, que destaca pola súa personalidade tan independente e, mesmo en ocasións, irreverente. Para poder coñecer máis sobre elas, teremos que esperar ata a publicación do libro.
Resultoume mou interesante o artigo sobre as mulleres castrexas, pensei que non había documentación sobre elas. É moi significativa a existencia da herdanza transmitida por liña feminina que lle daba o poder de administralas e comerciar con elas. Sorprendeume moito esta información.
ResponderEliminarGrazas por estar ahí :)
EliminarCada artigo novo que aparece no blog suxire que a novela está moi ben documentada. O último parágrafo dá a impresión de que estes personaxes femininos son exemplos perfectamente definidos dos diferentes papeis que tiñan as mulleres na sociedade castrexa prerromana.
ResponderEliminarGrazas polo comentario, apertas!
Eliminar